morfoloxía

Estudo da forma das palabras, isto é, da flexión, composición e derivación, así como da expresión das categorías gramaticais

Etimoloxía

Palabra composta de dous constituíntes gregos: morfo-  (de morphé ‘forma’) e mais –logía, para indicar unha ciencia ou o estudo sistemático dun tema.

Exemplos *

“E quéixome do pouco interese que se revela na cuestión idiomática, na que non parece notarse ningún esforzo polas melloras precisas, por subsanar erros de vulto, tanto na fonética, como na morfoloxía, coma na semántica, coma na sintaxe de "castrapo".” (Amancio Liñares Giraut: Conversas con Avelino Pousa Antelo. Memorias dun Galego Inconformista, 1991)

“Porque esa é outra: cada idioma ten a súa fonética propia, morfoloxía, sintaxe, e outros palabros raros entre os que tamén está o acento.” (Pedro Feijoo Barreiro: ¡Viva o fu remol! Ópera en cinco actos sobre a música ó pé da rúa, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.