Composición decorativa ou artística, confeccionada con pequenas pezas de vidro, cerámica, pedra etc., de cores variadas, que van unidas a unha base e entre si formando figuras
Etimoloxía
Palabra que tomamos do italiano mosaico, que, á súa vez, vai ao latín medieval mosaicum [opus], que podemos traducir como' a obra das musas'.
Exemplos *
“Sicart citou o descubrimento na rúa Doutor Castro da maior parte do "extraordinario" mosaico romano do que se atopara un fragmento nos anos trinta. Explicou que se trata dun mosaico con motivos submarinos e cun formato duns 30 metros cadrados.” (AA.VV.: O Correo Galego, 8-5-1999)
“Grazas aos traballos de Acuña Castroviejo e outros autores coñecemos ben o conxunto de mosaicos da Galicia romana, conxunto que se segue incrementando con novos e continuos achados, coma os da cidade de Lugo.” (Felipe Arias Vilas: A romanización de Galicia, 1992)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


