Insecto da orde dos dípteros, moi común e do que existen diversas especies, de ás transparentes, cuberto de peliños, xeralmente de cor negra e provisto dunha trompa coa que chupa as substancias orgánicas das que se alimenta.
Etimoloxía
Vén da forma musca, -ae do latín, co mesmo significado.
Exemplos *
"Unha vez ía encaixar o pé na marca da bota dun visitante e case pisa unha mosca que se adiantara, unha mosca panzona e brillante coma as que en tempos se alimentaban da bosta dos herbívoros." (Xurxo Borrazás: Costa Norte/ZFK)
"… nun caso deses é sabido que a xente acode coma moscas ó mel e non sería cousa que o visen aló caído, enzoufado en sangue, e co cabelo sen amañar …" (Paco Martín: Das cousas de Ramón Lamote)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


