moscardo

Insecto da familia dos tabánidos do que existen diversas especies de forma parecida á da mosca pero máis grande, que pica os animais e as persoas para chucharlles o sangue.

Etimoloxía

Vocábulo relacionado coa palabra “mosca” denominación que vén da latina con significado semellante muscam.

Exemplos *

“Os que si se poñen as botas aquí son os moscardos. Xúntanse con moscas e mosquitos cando as vacas están presas ó xugo e ás veces case lles tapan os ollos. Parecen rabaños de ovellas bebendo nunha pía.” (Xavier López Rodríguez: Días de desterro, 1996)

“Nas cantinas corría o vento entre as madeiras. A caseta dos xeados e larpeiradas botara o cadeado ó poxigo. Nas mesas do merendeiro trebellaba a soidade deprimente dos moscardos.” (Xabier López López: O mono no espello, 2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.