mulime

Conxunto de vexetais cortados, como toxo, fento etc., que se bota no lugar onde están os animais para mantelos secos e para que fagan esterco.

Etimoloxía

Palabra que toma coma base de formación o verbo “mulir” que vén do latín mollire ‘abrandar’.

Exemplos *

“O Costa foi despedido. Non tiña permiso de transporte de mercadorías e cargas por estrada e agora traballa no monte e mais na veiga, á madeira ou á herba, ó mulime ou ás aradas. Se algunha vez fai falta, chámano e páganlle por viaxe.” (Anxo Angueira: Iria, 2012)

“Topei de camiño cun labrador que se dirixía á Vacariza cun burro cargado de mulime para estrar as cortes dos animais e a un tal Benigno Candocia, de Landoi, que lle faltaba unha egua e estaba en que lla roubaran os cuadrilleiros.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.