navalla

(Ensis ensis) Molusco bivalvo comestible da familia dos solénidos, de cuncha tubular, alongada e algo curvada, que pola súa forma semella o obxecto do que leva o nome.

Etimoloxía

Procede do latín novacula –ae, que se utilizaba inicialmente para a navalla de afeitar.

Exemplos *

“Polbo, navallas, caramuxas, mexillóns, xoubas e pementos de Herbón, máis viño albariño, foi o resultado.” (Carlos G. Reigosa: Narcos)

“Pon a beber as navalliñas na auga con sal, para que boten as derradeiras areas, máis dunha hora.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.