negrón

Mancha negra ou morada que deixa na pel un golpe, unha presión etc.

Etimoloxía

Palabra derivada sobre estoutra “negro” que vén desde o latín nigrum cun significado similar.

Exemplos *

“Competimos por ver quen está máis mala e ten máis propensión a encherse de negróns, ao tempo que narramos historias desacougantes de sangrados de nariz e xiringas de heparina. (...) Aínda hai só uns días, un coñecido que sobreleva un tratamento recente de Sintrom contoume que meses atrás, cando empezou el, só había dous homes na súa parroquia libres da anticoagulación.” (Marta Veiga Izaguirre: Luzes, 12-2014)

“Neto, un amigo de Arturo da Silva, combatera o día anterior na Praza de Touros e doíanlle as verbas ao falar. Abríraselle a cella e coseranlla cuns puntos, en vivo, sen anestesia. Tiña tamén negróns e mazaduras e bostelas sanguentas en cada espazo comisural, nas xuntas da boca e dos ollos.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.