nespereira

Árbore da familia das rosáceas (Eriobotrya japonica), de toro delgado con pólas abertas, follas coriáceas e pubescentes e flores pequenas, brancas e recendentes, que dá como froito a néspera

Etimoloxía

Denominación que se forma sobre “néspera” que vén do latín vulgar *nespira do clásico nespila de significado semellante e que bebe do grego méspilon ‘néspera’.

Exemplos *

“Aquilo era un verxel. As mazairas, derreadas, arrastraban a froita polo chan. Había peros de auga, grandísimos, e mesmo unha nespereira vizosa na calidez do val, que era como unha cunca de ouro.” (Basilio Losada: Ero de Armenteira, 1993)

“A inspección das pereiras, pexegueiros, ciroleiras, das maceiras e nespereiras, de moitas razas distintas, trouxo unha decepción maiúscula. Á tardiña, por unha vez, recollera case toda a froita e apenas quedaban algúns pexegos e peras nas pólas dos curutos. Empoleirados nelas, abalamos furiosos as árbores e recollemos do chan a cativa colleita.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.