Planta acuática da familia das ninfeáceas da que existen diversas especies, de follas grandes, arredondadas ou con forma de corazón, que flotan na superficie da auga, e flores con moitos pétalos de cor branca, amarela ou rosa / Flor desta planta
Etimoloxía
Termo culto procedente do latín nymphaea que, á súa vez, lévanos ao grego nymphaía que significaba ‘das ninfas’ e vincúlase a que son plantas acuáticas como o eran as ninfas.
Exemplos *
“Era unha fada da auga. Polo día moraba no fondo do río, nunha galería de flores acuáticas, entre ninfeas escuras. Cando a noite se botaba sobre as varcias, saía do río.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)
“As beiras do estanque estaban cubertas de ninfeas. A barca pasaba cortando toda aquela espesa superficie, facendo un rumor seco.” (Boris Pastemak: Doutor Zhivago [tradución de Aleksandr Dziuba], 2024)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


