nogueira

Árbore da familia das xuglandáceas, de grande altura e madeira moi apreciada, coas follas imparipinnadas, flores masculinas en amentos e femininas solitarias ou agrupadas, que ten por froito a noz

Etimoloxía

Termo que bebe no latín vulgar *nucarĭa, voz formada co sufixo -aria, aplicado ao termo latino nux, nŭcis ‘froito de cáscara dura’. O nome científico desta árbore é juglans regia.

Exemplos *

“Todo o xardín era, nas mellores épocas do ano, visitado polos paxaros máis comúns: os pimpíns que criaban nas nogueiras, os xílgaros das roseiras, os verderolos, os merlos, os carrizos que facían os seus niños en pequenas furnas de musgo.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

“As viñas ocupaban entón o sesenta por cento das terras aforadas e o resto estaban dedicadas a outros cultivos como cereais, legumes, horta e cultivos industriais como o liño e a sirga; destacaban na paisaxe agrícola as árbores froiteiras como o castiñeiro, a oliveira, as maceiras, as pereiras, as nogueiras e as figueiras.” (Marcos Valcárcel: Historia de Ourense, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.