nora

Enxeño mecánico que consiste nunha roda de gran tamaño que xira verticalmente, á que van suxeitos unha especie de caixóns con asentos, e que se utiliza como diversión en verbenas e parques de atraccións

Etimoloxía

Voz procedente do árabe hispánico na‘úra, e que nos leva ao árabe clásico nā‘ūrah que significaba ‘renxer’.

Exemplos *

“Vaia parvadas lle viñan á cabeza, como sempre, no último momento, cando xa tiña as ideas máis que mastigadas e deran máis voltas que nunha nora dentro dun parque de atraccións. O que importaba era chegar. E chegar ben.” (María Canosa: Cando cae a luz, 2016)

“Daquela xa lle daban pena os feirantes, parecíalle imposible que puidesen vivir de semellantes chilindradas. Tódalas propinas que desexaba darlles entón aos encargados da nora e demais atraccións festeiras, sumounas e alegroulle a velada aos camareiros.” (Bieito Iglesias: Pan e coitelo. Novela moi moral, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.