lirio

Planta herbácea da familia das iridáceas, da que existen diversas especies con variedades cultivadas e silvestres, de hábitats húmidos, con follas longas en forma de espada nacidas desde o pé, e belas flores en acio terminal que poden ser brancas, violetas, azuis etc.

Etimoloxía

Denominación da planta e da flor procedente do latín lilium . O nome científico é Iris sp.

Exemplos *

“Ti a estrela da mañanciña / que en puras tintas se baña; / ti a frol das froridas cumbres, / ti , a ninfa das frescas auguas, / ti, como folla do lirio / branca, pura e contristada.” (Rosalía de Castro: Cantares Gallegos, 1863)

“Mais os vincallos dos lirios, despregando a dureza das súas follas. Os asubíos das canas, entoando o último ditame. E a beleza da garza, sen apelación.” (Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro, 2010)

Imaxes tiradas d'O Herbario de Rosalía’ (Fundación Rosalía de Castro, 2022)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.