Lente ou sistema de lentes colocadas duntro dun microscopio, máquina de fotos etc., na parte máis próxima aos obxectos.
Etimoloxía
Procede do latín objectivus, –us, que deriva do verbo objicere 'colocar diante'.
Exemplos *
"O diafragma é a abertura de tamaño variábel que controla a cantidade de luz que penetra polo obxectivo da cámara…" (Ramón Vilalta López: Astronomía práctica e outras cousas)
"A cámara estaba situada no segundo piso, co obxectivo apuntando á porta de entrada, o punto máis accesible do perímetro." (Domingo Villar: A praia dos afogados)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.