ocelote

Mamífero carnívoro de tamaño mediano pertencente á familia dos félidos, que vive nas zonas boscosas de gran parte de América, caza de noite e ten a pel de cor ocre amarelenta ou agrisada con manchas escuras, utilizada en peletaría

Etimoloxía

Adaptación do náhuatl ocelotl ‘tigre’

Exemplos *

“Tiñamos un gato que se facía moi grande pola noite, ocelote ou xaguar, e papaba ratas grandes coma lebres, he, he.” (Manuel Rivas: ¿Que me queres, amor?, 1996)

“...Rompen harpas / ao son das grandes árvores  vermellas, / de ocelotes en cio e xacarés, / e vén o son do antigo, desde as illas / onde Ulises amou perdidamente / até este inmenso  canaval fresquísimo / baixo o sol candeal.” (Antón Avilés de Taramancos: Última fuxida a Harar, 1992)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.