Árbore da familia da oleáceas (Olea europaea), de folla perenne, tronco curto, groso e retorto, con moitas pólas, de follas ovais opostas e flores pequenas verdosas, que dá un froito comestible de forma oval de cor verde, morada ou negra, segundo a variedade, e do cal se extrae aceite.
Etimoloxía
Tomouse da expresión arbor olivaria, a partir da forma do latín clásico oliva, que designaba tanto a árbore como o seu froito.
Exemplos *
"A ámbalas dúas marxes da estrada vense as copas verdes das oliveiras, formando un manto mesto que cobre as abas e os cumes dun chan abrupto." (Francisco Alonso: Trailer)
"E foi entón cando, xusto ao pasarmos a estación de Quiroga, recoñecín con sorpresa, perdidas na paisaxe e esvaéndose na luz nada diáfana, nada límpida do calmizo aquel, escuras mesmo, as oliveiras." (Anxo Angueira: Bágoas de facer illas)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


