ollada

Pasada rápida da vista, sen moita atención / Expresión dos ollos, maneira de mirar

Etimoloxía

Voz derivada sobre o verbo “ollar” que, á súa vez, toma como base de formación o vocábulo “ollo” procedente do latín ocŭlus, de significado semellante.

Exemplos *

“...devolvíaa aos tempos do desacougo, nos que o horizonte era unha liña hostil e temida e o mar un monstro azul e ameazante ao que non podía deixar de fitar a pesar de que cada ollada supuña unha nova lacerante ferida.” (Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, 2009)

“A ollada de Morgana, aínda que arrogante, limpa e serea, non facía senón incrementar nela a sensación de que fora chamada a sacrificar unha inocente.” (Begoña Caamaño: Morgana en Esmelle, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.