organistro

Instrumento propio da Idade Media, formado por unha caixa harmónica plana sobre a que hai unhas cordas tensas, que se fan soar ao fretalas cunha roda accionada por unha manivela

Etimoloxía

Termo que vén do latín medieval organistrum que nos leva a organum ‘órgano’.

Exemplos *

“O Rei e máis a Raíña comendo, cos coitelos nas mans, e logo a escoitar unha lectura e a participar no concerto, tanxendo o organistro ou zanfona, e alí están xograres e os anxos músicos, mesturados cos mortás.” (Xosé Filgueira Valverde: Adral, 1979)

“Oito instrumentos construídos a partir da iconografía do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, do Pazo de Xelmírez, das cantigas de Alfonso X e das esculturas do Rei David son os protagonistas da mostra: unha ziga, unha rota, unha cítola, unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazo e un organistro.” (AA.VV.: “O Pazo da Cultura acolle ata o 10 de febreiro unha exposición única de instrumentos musicais medievais” en Axenda Cultural do Concello de Carballo, 15-1-2024) [Visto: 7-8-2025]

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.