orquídea

Planta da familia das orquidáceas, da que existen múltiples especies, con flores de formas variadas e cores moi rechamantes que teñen, xeralmente, un pétalo máis grande ca os outros / Flor desta planta

Etimoloxía

A voz vén do latín científico orchidea, que bebe no grego orchídion, diminutivo de órchis 'testículo', planta bulbosa.

Exemplos *

“Eu dirixinme á porta que dá á praia. O aire era morno, e as orquídeas da area abríanse lentamente para recibir as raiolas quentes do sol. A uns cen metros do Atlantis vin que a profesora de francés estaba sentada na area mirando o mar.” (Teresa González Costa: Os santos nunca dormen, 2014)

“Gustáronlle as inmensas chairas cubertas de cores, (...), que nunca Christina vira, vivindo nun gran pazo, fermosura semellante. Preguntouse por que e non atopou mellor razón que a de que os señores holandeses, mercadores e conquistadores, verían alén dos mares a beleza dos tulipáns, das orquídeas, dos lirios e empeñaríanse en sementalos na casa.” (Teresa Moure: Herba moura, 2007)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.