acio

Conxunto de uvas presas a un mesmo pé saído das ramificacións do talo

Etimoloxía

Palabra que ten a súa orixe na latina acinum que significaba ‘bago’.

Exemplos *

“Pinga do ouro do Sil, / derretido topacio, / sol fundido / e mel do acio...” (Florencio Delgado Gurriarán: “Madrigal ao tostado”, Cantarena, 1981)

“En setembro comezaban a caer as noces. (...) Sobre a gran mesa de pedra lucían outonais a carón dos figos, os acios de uvas mouras e as mazás amarelas e douradas, en grandes paxes, compondo un luminoso bodegón.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.