lagostino

Crustáceo da orde dos decápodos que mide de doce a vinte centímetros, de cor gris ou amarela verdosa, que se compra xeralmente conxelado, xa que na súa maior parte procede do Atlántico Sur, do Índico ou do Pacífico

Etimoloxía

Voz relacionada con “lagosta” que vén do latín tardío lacusta de significado semellante.

Exemplos *

“O papá come máis ca ninguén: lagostinos, pavo, turróns... E esa noite tamén bebe algo de viño e de champaña. Como non está afeito, enchíspase un pouco e despois pídelle á mamá que baile con el.” (Manuel Darriba: Brais e os demais, 2010)

“María Xesús prepáralle de todo. Goréntanlle, en especial, os seus guisos de carne con patacas, ou eses purés que come a culleradas coma unha posesa, ou o rodaballo con lagostinos, e un cento de delicias que ela lle deixa listas, quentes, ben dispostas sobre un prato único.” (Francisco Castro: Amor é unha palabra coma outra calquera, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.