ostra

Molusco mariño da clase dos lamelibranquios, de cuncha rugosa e irregular, que vive a pouca profundidade unido ás penas ou enterrado na area, moi apreciado pola súa carne e do que existen diversas especies.

Etimoloxía

Chegou a través do latín, pero procede do nome que recibía no grego, ostreon –ou.

Exemplos *

“Houbo ostras e langostas en abundancia, pero... ¡non creades!, non se parecen nin de lonxe ás das nosas rías.” (Mª Xosé Queizán: Amantia)

“Puxo en marcha toda a súa capacidade de sedución e convicción, que era moita. Moita. Miña nai era quen de abrir as ostras por persuasión.” (Alfredo Conde: María das batallas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.