Paxaro da familia dos oriólidos, de cor amarela, con ás e rabo negros, peteiro rosado e ollos vermellos, o macho, e de cor verdosa nas partes superiores, parda nas ás e no rabo e abrancazada con raias pardas nas inferiores, a femia
Etimoloxía
Denominación que procede da latina aureolum ‘dourado’. O nome científico da especie é Oriolus oriolus.
Exemplos *
“Anque antes achegáronse onde o carballo grande a ver se atopaban o niño do ouriolo, que viran había un pouco.” (Manuel Rodríguez Troncoso: Raíces rurais, 1996)
“O home solitario, mancado de amores, quixo ser ouriolo, merlo, paporrubio, xílgaro, laverca, pomba, rola, carrizo... e deu na teima de aprender a canción das aves, que tentaba sacar do peito na mañanciña e na solporecida dos días excelentes.” (Xosé Vázquez Pintor: A tribo sabe, 1999)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


