pachulí

Planta da familia das labiadas orixinaria das rexións tropicais de Asia e Oceanía, coas follas opostas e pilosas e as flores abrancazadas, que pode chegar a un metro de altura e da que se extrae unha esencia usada en perfumaría, cosmética etc.

Etimoloxía

Adaptación do préstamo do francés patchouli ‘pachulí’ que é como se recolleu a denominación támil dunha planta de folla verde e fragrante.

Exemplos *

“Agardamos nun recibidor escuro que cheiraba a pachulí.” (Aníbal C. Malvar: Un home que xaceu aquí, 2014)

“E cando me fixeran raíña eu, feliz, e non polo ramos de flores, barateiras que todo hai que dicilo, nin polo frasco de colonia (puro pachulí), ou a caixa de bombóns _resesos, por certo_ que me deran” (Vicente Araguas: Xuvia-Neda, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.