paíño

Ave palmípede mariña, de pequeno tamaño, cor negra agás a mitra que é branca e peteiro con tubos nasais, da que existen varias especies

Etimoloxía

A orixe ofrece dúbidas. Crese que podería ter relación con paio que viría dun pelagius latino; mais tamén hai quen indica que o substantivo “pau” está na base do nome porque a ave cando planea semella este obxecto.

Exemplos *

“No momento en que a toliña comeza a devorar sardiña, as gaivotas, mascatos, pardelas, aros, paíños e ata os "papamerdas" acoden ó banquete; pouco a pouco vaise formando un palleiro de aves no aire de tal magnitude que calquera tarrafa pode velo desde ben lonxe.” (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro, 2008)

“Aquel punto privilexiado da popa tamén era un excelente observatorio de aves: as gaivotas formaban un verdadeiro enxame tras os remuíños da hélice, ó asexo de posibles fuxitivos, e, sobre elas, de cando en cando, atravesábase a estela negra dun paíño; máis aló, nunha zona xa algo despexada, catro ou cinco mascatos caían en picado contra o mar bravo, tentando roubarlle pouco que quedaba fóra do alcance dos outros paxaros.” (Jacobo Barros: Os ausentes de Casteltón, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.