Dosel portátil sostido por catro ou máis varas longas, baixo o cal vai o sacerdote coa custodia, unha imaxe relixiosa ou certas autoridades nas procesións ou cortexos.
Etimoloxía
Procede do latín pallium, -ii 'manto grego' ou 'vestido longo', derivado de palla 'manto de muller'.
Exemplos *
"Que eles son os primeiros en matar, e despois atrévense a ir baixo palio nunha procesión." (Santiago Álvarez: Memoria da guerrilla)
"Despois, en cumprida devoción, fáiselle entrega ao Alcalde Castro da Gran Chave, que lucirá pendurada ao colo nunha breve procesión tras dos seus concelleiros e o clásico palio." (Kiko Neves: Tempos Novos 06-1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.