pampo

Acio pequeno que se deixa na vide durante a vendima por estar aínda verde

Etimoloxía

Palabra que vén da latina pampinu de significado semellante.

Exemplos *

“Na fachada, prolongando o corredor, unha parra de xerez lucía os acios maduros. Dende os banzos da escaleira alcancei un cangallo e comprobei que os bagos tiñan un sabucho acedo, propio de terras altas onde o viño non vén a maduro. –Quere que lle colla uns pampos e cómeos con pan? Fan moi bo compango.” (Bieito Iglesias: Miss Ourense, 2016)

“Ou moito me equivoco, ou aparecen tamén nas viñas despois das vendimas para aproveitar os pampos que quedaron, estou seguro de que a lavandeira é un paxaro de bo pico, que non lle fai noxos a ningún bocado. Pola variedade da comida, sería fácil mantela nunha gaiola.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.