Remedio que se considera útil para curar todas as enfermidades / Fórmula que se considera válida para calquera mal, para resolver os problemas ou remediar as dificultades
Etimoloxía
Termo que xorde no grego panákeia ‘planta eficaz contra todos os males’, logo pasou ao latín panacēa como nome dunha herba, e no latín medieval recupera a significación 'remedio universal'.
Exemplos *
“«Os vellos alquimistas buscaban a pedra filosofal para converter todos os metais en ouro. Tamén procuraban a panacea universal para curar con ela todas as doenzas.” (María Pilar Campo Domínguez: Confusión e morte de María Balteira, 1996)
“Aínda que a curto prazo o Proxecto Xenoma vai supoñer un salto importantísimo no diagnóstico das doenzas xenéticas (...) nin para as de base multifactorial nin para as máis importantes doenzas infecciosas que azoutan á humanidade vai ser a panacea que algúns entusiastas prognostican .” (Daniel Soutullo: Os xenes e o futuro humano, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.