pandeiro

Instrumento musical de percusión composto por un arco de madeira en forma de rectángulo sobre o que se suxeita unha pel estirada, que se toca golpeándoo coas mans, os cotenos etc.

Etimoloxía

Denominación que vén do latín tardío pandorius, derivado de pandura que bebe do grego pandúrion que era unha especie de laúde de tres cordas, pero foi aplicado a outros instrumentos.

Exemplos *

“Non tardaron en aparecer no curral un bo número de mozos (e de mozas), armados de almancas, fungueiros, mocas, fouciños e forcadas, sen que faltase quen tamén trouxese unha gaita ou un pandeiro, como se fósemos a unha festa e non a unha batalla.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

“Na Limia non tiñan pandeiretas e tocaban a trisca, latas de pemento ou tixolas cunha chave, na Fonsagrada só había gaiteiros e na Paradanta empregábase moito a pandeireta, o pandeiro e as cunchas.” (Antón Escudero: Sermos Galiza, 9-12-2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.