papafigo

Paxaro da familia dos oriólidos, de cor amarela, con ás e rabo negros, peteiro rosado e ollos vermellos, o macho, e de cor verdosa nas partes superiores, parda nas ás e no rabo e abrancazada con raias pardas nas inferiores, a femia

Etimoloxía

Termo composto sobre o verbo “papar” relacionado co nome latino pappam ‘comida’ e o substantivo “figos” procedente do latín ficum.

Exemplos *

“Faleilles do papafigo, que lle aprendín en libros os nomes de vichelocrego, ourol e que aínda lle chaman por máis; que ten un marelo precioso, que o meu avó asubiaba como el cantaba.” (Marga do Val: Nós Diario, 29-4-2022)

“Largar os ollos polo campo aberto, / a solprender o voo dos papafigos / ou a sombra das nubens silandeiras; / pór os ouvidos no zoar das vespas, / na música das herbas que se falan / ou na témera orquestra dos penedos.” (Xosé María Álvarez Blázquez: Canle secreto, 1976)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.