paporroibo

Paxaro da familia dos muscicápidos (Erithacus rubecula), de cor olivácea nas partes superiores, coa testa, as fazulas, a gorxa, o papo e o peito rubios e ventre abrancazado, que vive nos xardíns, soutos ou fragas con abondosa vexetación, onde se alimenta de pequenos invertebrados, bagas etc.

Etimoloxía

Formouse da combinación de papo, que remite ao latín pappa 'comida' e roibo, do tamén latino rubeus 'vermello'.

Exemplos *

"Inflaba as meixelas como peitos de paporroibo e soaba moi ben, a frauta e violín, acompañado pola percusión nobre das ferramentas na madeira." (Manuel Rivas: ¿Que me queres amor?)

"… os paporroibos, as andoriñas, os gorrións, as lavercas e moitos outros paxaros que pasaban o día cantando entre a ramallada das mestas fragas do país." (Xosé Fernández Ferreiro: O último paraíso)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.