paporrubio

Paxaro da familia dos muscicápidos, de cor olivácea nas partes superiores, coa parte dianteira da cabeza e da gorxa e o peito rubios e ventre abrancazado

Etimoloxía

Termo froito da unión de “papo” que nos remite ao latín pappam ‘comida’ e o adxectivo “rubio” que nos leva a rubidum ‘vermello’. O nome científico é Erithacus rubecula.

Exemplos *

“Os xefes das principais casas da nobreza lembraban ben a gran rebelión 1467-69, cando tiveran que fuxir do reino acometidos polos Irmandiños, ou sexa cando os pardais –ou poida que os paporrubios– foran quen de derrotar os temibles falcóns, que levaban tempo coméndolles a carne e o sangue.” (Pegerto Saavedra: Historia das historias de Galicia, 2016)

“O paporrubio canta nas pólas da nogueira e desde elas voa até as roseiras do pozo. A primeira luz da mañá ilumina o xardín. Érguese do leito e abre a fiestra.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.