Paxaro da familia dos sílvidos, moi áxil, duns catorce centímetros, de plumaxe parda escura ou cincenta e peteiro fino, que se alimenta de insectos, vermes etc., e do que existen diferentes especies
Etimoloxía
Voz derivada sobre estoutra “papo” que nos leva ao latín pappam ‘comida’. O nome científico é Curruca communis.
Exemplos *
“As súas numerosas e animadas tabernas ou baiucas foron seguindo camiños onomásticos, quer fiados arredor da ornitoloxía (o cuco, o moucho, os carrisos, (...), a papuda, a concheira, o pato, o parrulo, o escribideiro, a ave rapina, os estorniños .... deica o espanta paxaros), quer de "recintos" relixiosos (O Purgatorio, O Inferno, O Paraíso, A Gloria, A Capilla... ).” (Anxo Angueira: Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro, 2002)
“Mantense de insectos e arañas que caza facilmente entre os toxos. Fai o niño con herba seca e mofo e nel pon de tres a catro ovos que choca normalmente a femia durante doce días; os pelachos deixan o niño noutros trece. Chámanlle tamén Papudas.” (Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira: Guía das aves de Galicia, 1980)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.



