paracaídas

Aparello feito cunha tea especial que, ao abrirse no aire en forma de paraugas, diminúe a velocidade de caída dun corpo ou a dun avión que vai aterrar.

Etimoloxía

Este composto formouse a imitación da palabra francesa parachute, combinando dous elementos procedentes do latín, para, de parar, tomado de parare ‘preparar’ e caída, de caer, evolución de cadere.

Exemplos *

“… repartiron entre todos o único paracaídas que había no avión, o lenzo branco e inútil pero que era a única cousa de valor que tiñan á man.” (Miguel Anxo Murado: Mércores de cinza)

“… como o Barón Vermello precipítome nun picado sobre as augas contemplo a morte do sol e o cráter desde o paracaídas …” (Lino Braxe: A cor do ceo)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.