paraninfo

Salón dun centro de ensino, en particular dunha universidade, destinado a actos protocolarios, reunións, actividades culturais etc.

Etimoloxía

Palabra de orixe culta. Desde o latín paranimphus ‘padriño de vodas’ que bebe do grego paránymphos ‘o que está ao carón da noiva’.

Exemplos *

“Sempre que se acordaba do seu compañeiro de bacharelato, só conseguía recordalo naqueles instantes finais, cando ela abandonou o paraninfo do Instituto e o seu amigo seguía de pé diante do tribunal militar, agardando algún trámite burocrático, quizais botar unha firma ou darse por informado do que lle acababan de comunicar.” (Carlos Casares: Deus sentado nun sillón azul, 1997)

“...mostrou o seu entusiasmo e o do Concello por ser os anfitrións dunhas xornadas técnicas e por albergar o Festival das Tres Culturas, que comeza hoxe, cunha serie de concertos no paraninfo do IES Otero Pedrayo.” (Marcos Sueiro: O Xornal de Galicia, 11-11-2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.