paraugas

Utensilio portátil para protexerse da chuvia, composto por un bastón que suxeita unha armazón de varas cuberta dunha tea impermeable que se pode estender e pregar.

Etimoloxía

Palabra composta pola preposición para- e o substantivo auga que chega desde o termo latino aqua, –ae co mesmo significado.

Exemplos *

"Gustaríame estar en Londres, ser Bonnie McArthur e camiñar baixo a chuvia, (quizais cun paraugas branco), embargada por unha ledicia coa que soñei algunha vez." (Carmen Pereiras: pequenos infinitos)

"Desde dentro víase unha rea de paraugas de cores e tamaños diferentes camiñando contra aquela chuvia maina." (Antón Doboa: Incertos)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.