pardal

Paxaro da orde dos paseriformes, moi común, de pequeno tamaño, con plumas pardas raiadas de escuro e peteiro curvo, que se alimenta de grans, sementes, insectos etc., e do que existen varias especies.

Etimoloxía

Podería proceder dunha forma grega párdalos, nome que recibía este paxaro ou outro semellante, ou orixinarse a partir do adxectivo pardo.

Exemplos *

"Un pardal, aínda sucio de chuvia pola treboada da noite, foi pousarse sobre o valado …" ( Aníbal C. Malvar: Unha noite con Carla)

"O home levantou a man para acariñar a plumaxe suave do pardal, pero este asustouse e saíu voando outra vez e o seu rechouchío volveu confundirse co rumor do mar incesante." (M. Lourenzo González: Noites de papel)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.