pardela

Ave mariña palmípede da familia dos proceláridos, semellante á gaivota, de plumaxe castaña nas partes superiores e branca con pintas nas inferiores, que vive nas zonas costeiras e se alimenta de peixes e da que existen varias especies

Etimoloxía

Denominación derivada sobre o adxectivo “pardo” que nos leva ao latín pardum ‘leopardo’. O nome científico é Calonectris borealis.

Exemplos *

“Tamén chegaban bandadas de pardelas confundíndonos, sen dúbida, cun barco de pesca dos que erguen das inmensidades arenques e bacallaus.” (Xavier Queipo: O paso do noroeste, 1996)

“Unha pardela vai coxa pola proa, cunha pata frouxa, quen sabe que liorta ou accidente sufriu . Roldounos un buque de guerra noruegués e houbo nervios a bordo, aínda que non subiron, nin sequera falaron pola radio.” (Xavier Paz: Follas de bacallau, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.