Clase particular á que asiste quen desexa repasar ou aprender unha ou varias materias, e que xeralmente se dá nun centro privado como complemento ás dun centro oficial.
Etimoloxía
A denominación xorde como derivado de pasante 'auxiliar de distintas profesións' e este de pasar, que viña do latín vulgar *passare, co mesmo significado.
Exemplos *
"Primeiro non quería ir, pero despois de suspende-lo exame de matemáticas a semana pasada buscáronlle unha pasantía." (Úrsula Heinze: Remuíños en coiro)
"…que fose falar cos mestres por se os nenos tiñan algunha carencia e necesitaban calquera cousa, unha pasantía, libros ou o que fose." (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.