patio de butacas

Parte baixa fronte ao escenario, onde están as butacas, nun teatro ou cine.

Etimoloxía

Frase na que participan o nome “patio” de orixe incerta e “butacas” que vén do cunamagoto putaka que significa ‘asento’.

Exemplos *

“Eu dei unha ollada, xa dende a cadeira, na procura dalgún coñecido. E si, coñecidos había, porque parte da profesión ocupa o patio de butacas. A min facíanseme coñecidos, mais Sara sábelles o nome e os apelidos.” (Manuel Iglesias Turnes: Que non te aten, 2017)

“A serie de balconadas ao lado do escenario, vai permitir tamén que eses espectadores privilexiados, que reservaban o lugar pagando un abono para toda a tempada teatral, poidan gozar dunha magnífica visión do que transcorre no escenario, pero tamén do que acontece nos palcos veciños e no patio de butacas, ás veces observados con todo detalle por medio de pequenos prismáticos.” (Guillermo Llorca Freire: Ferrol: memoria da vida cotiá, alimentación, oficios, tempo de lecer, tempo de fogar, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.