Paxaro da familia dos córvidos, de cor parda con tons azuis, brancos e negros nas ás, rabadilla branca, rabo negro e carapucha riscada de branco e negro
Etimoloxía
Frase formada por “pega” que vén do latín pica e o adxectivo “marxa” de orixe controvertida. Nome científico garrulus glandarius.
Exemplos *
“Logo preguntoulle os Mandamentos, os Pecados Capitais e os Novísimos. O Toño púxose rubio coma se estivese tizando o forno, e non deu fala. Se lle preguntaran como faguían o niño os ouriolos, os tinzós ou as pegas marxas, outra cousa sería...” (Ánxel Fole: Terra brava, 1955)
“Amancio seguiu a grallar coma os corvos, coma as pegas marxas, cada vez con voz máis potente, e os miles de paxaros excitados atacaban con uñas e picadas os presentes. Aproveitando a confusión, Amancio cambiou a astucia do zorro pola violencia do lobo.” (Xesús Manuel Valcárcel: Os ollos da sentinela, 1997)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.



