pega rabilonga

Paxaro da familia dos córvidos, que presenta cor branca no ventre, costados e extremos das ás e o resto do corpo negro con irisacións verdes, azuis ou moradas, ou outros tons máis escuros en todo o corpo

Etimoloxía

Denominación onde “pega” procede do latín picam ‘nome de paxaro’ e “rabilonga” que se forma coa amálgama de “rabo” e “longo”. Nome científico pica pica.

Exemplos *

“Un enorme corvo e varias pegas rabilongas remexeron nas silveiras ó notar que chegaba o intruso. Espantounos coa galla dun caxigo e fuxiron nada convencidos a posicións próximas para retomar a enchente en canto puidesen.” (Xabier Quiroga: Atuado na braña, 2002)

“Daquela aprenderamos o latricar das cousas, os ladros devecidos do Nei e mais da Charra, e o regoldar das pegas rabilongas, e a galopada dos cabalos bravos. Daquela o mundo entrou en nós engorde para poñernos dentro a voz máis clara.” (Xesús Rábade Paredes: Como levar un morto, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.