Paxaro da familia dos córvidos (Pica pica), que presenta cor branca no ventre, costados e extremos das ás e o resto do corpo negro con irisacións verdes, azuis ou moradas, ou outros tons máis escuros en todo o corpo.
Etimoloxía
Tomouse da forma do latín vulgar peca, que na lingua clásica era pica, -ae, tal como o nome científico.
Exemplos *
"O camiño de Celanova estaba cuberto de néboa: pedras, carballos, unha pega cruzándome baixa, por riba da cabeza." (X.L. Méndez Ferrín: Antón e os inocentes)
"… un pergamiño ricamente miniado, unha pluma de pega rabilonga e un fermoso recipiente con pigmentos." (Xesús Rábade Paredes: A palabra secreta)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.