peixe sapo

Peixe da familia dos lófidos de corpo ancho e aplanado, cabeza e boca grandes, pel lisa, sen escamas, cor castaña ou encarnada e ventre branco cunha membrana negra

Etimoloxía

Termo composto de “peixe”, do latín piscis, e o substantivo “sapo”, voz de orixe preindoeuropea; a asignación dáse pola forma que ten o peixe semellante a un sapo.

Exemplos *

“O xantar foi farturento. Había centolas e vieiras para comezar; a seguir, un peixe sapo na cazola; e, para rematar cos pratos principais, cabrito ao forno, e aínda lles rogaron cun xarrete que ninguén probou. Na sobremesa ninguén se atreveu coa torta de améndoa, aínda que cataron por compromiso o flan con ovos da casa.” (Xavier Senín: O alfinete portugués, 2016)

“Malia todas as ironías e reprimendas, Agapito Landín saíu coa súa. Axudáronlle a que fose así uns entrantes de mariscos, seguidos de robaliza con allada branca de níscaros ó albariño, peixe sapo en salsa e lombos de pescada con cebolada de mexillóns, todo iso regado cun bo viño das Rías Baixas.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas. A novela da santa compaña, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.