pemento

Froito comestible da planta do pemento, que consiste nunha baga oca, xeralmente en forma de cono, de diversos tamaños segundo a clase, verde ao principio e logo vermello ou amarelo, que contén no seu interior moitas sementes pequenas e que, ás veces, ten sabor picante

Etimoloxía

Denominación que bebe no latín pigmentum ‘cor para pintar’.

Exemplos *

“Había peixe de calidade, carne de vitela (...), bacallau salgado en múltiples presentacións para levar na miña bagaxe de regreso a Bruxelas, pementos de Herbón, por descontado, traficados nuns canastros inmensos que as pementeiras traían outrora facendo equilibrios nun mulido.” (Xavier Queipo: Sermos Galiza, 10-8-2012)

“No barrio da Ponte en Ourense, dende o ano 1990, ten lugar unha popular sardiñada que organiza a Peña de Amigos do Bar Gelín. Sardiñas, pementos de Arnoia (preparados polas pementeiras desta vila), e viño forman parte do menú que calquera visitante pode atopar en agosto.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.