peneira

Molusco mariño da clase dos gasterópodos, dunha soa valva en forma de orella e con cinco ou seis furados no bordo

Etimoloxía

A denominación podería ter relación co feito de que a cuncha do animal garda certo parecido cunha “peneira”, obxecto para peneirar a fariña.

Exemplos *

“A peneira é moi prezada na gastronomía de ambas as beiras do océano Pacífico co nome inglés de abalone, algo máis grande que as nosas; marisco moi sabedor, máis estimado que a lagosta nas cociñas chinesa e xaponesa, e tamén polo seu poder afrodisíaco.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)

“Chora ás noites porque vai ter dentes. Non chores, meu; dareiche unha cuncha de peneira, dareiche unha areíña de sal.” (Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro/ Os nomes gardados, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.