Planta de xardín da familia das violáceas, de follas cordiformes e dentadas, que dá flores con cinco pétalos de tres cores, entre as que destaca a violeta / Flor desta planta
Etimoloxía
Voz vinculada coa francesa pensée ‘contemplación’ ou ‘pensamento’ parece ser que na época vitoriana agasallar con esta flor era dicir: ‘estou a pensar en ti’. O nome científico é viola tricolor.
Exemplos *
“É o único recordo bo que teño dela, plantaba caraveis vermellos e pensamentos morados. Os caraveis tiñan un arrecendo intenso, como nunca o volvín sentir igual. Os pensamentos, para outros unhas flores tristes, a min parecíanme cabezas de gato, cabezas de gato violáceas que me miraban con ollos moi abertos, asombrados, cariñosos, admirativos.” (Xosé Manuel Martínez Oca: Como paxaro caído do niño, 2006)
“E aínda non me viches o invernadoiro. Contén as flores máis marabillosas que endexamais viches. A ti gústanche as rosas, os caraveis pequenos, os lirios e os pensamentos, a que si? Soubo que atinara de cheo encanto mencionou as flores, xa que o sombrío semblante desapareceu da cara da rapaza como por arte de maxia.” (Annie Fellows Johnston: A coroneliña [tradución de Mª Isabel Carballo Rodríguez], 2023)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


