(Pollicipes cornucopia) Crustáceo mariño da subclase dos cirrípedes de forma semellante a un dedo, dotado dun pé longo e carnoso protexido por unha forte pel, rematado na parte superior nunha cuncha composta de varias pezas que encerran o corpo do animal, e fixado pola parte inferior ás rochas dos lugares moi batidos polo mar, onde vive en comunidades numerosas.
Etimoloxía
Tomouse dunha forma do latín *pollicipes –edis, composto a partir de pollex –icis ‘polgar’ e pes, pedis ‘pé’, nome dado pola súa forma.
Exemplos *
“Na lonxa pódese comprar percebe, reloxo, ameixa..., pero peixe, peixe de verdade, pouco.” (Domingo Villar: A praia dos afogados)
“Por esa Cova Sacra, día si día non, subía berberecho, ostra, percebe, centola, ameixa, mexillón, navalla, lapa, comida de pobres ...” (Xesús Ferro Ruibal: Os papiros do Medulio)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.