Ave da familia dos fasiánidos de tamaño mediano, de cor parda na parte superior, peteiro e patas vermellas, colar negro, peito cinsento, con franxas brancas e avermelladas nos laterais, que vive no chan e camiña e incluso corre con lixeireza
Etimoloxía
Designación que vén do latín perdix, -īcis, e este lévanos ao grego pérdix, -ikos. O nome científico é alectoris rufa.
Exemplos *
“E para animar o cotarro fixen un pouco o ganso. En realidade fixen de perdiz, de merlo e de pega. Repasei o canto dos paxaros, que non remedaba dende neno. Ao que imitei o cuco e a rula, empezaron as carreiras tolas pola xesteira.” (Bieito Iglesias: Miss Ourense, 2016)
“Home, algunha diferenza existe entre as dúas aves. Se a perdiz é máis grande, non por pequena é menos apreciada a carne da paspallás. E se nos fixamos na graza do cantar, a melodía do paspallás supera en moito o cacarexo da perdiz.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia, 2013)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.



