Pel de animal curtida e estirada, empregada antigamente para escribir nela, forrar libros etc. / Documento escrito nesta pel
Etimoloxía
Voz que procede do latín tardío pergamīnum, que, á súa vez remite ao grego pergamēnḗ, 'de Pérgamo', lugar onde se preparaban as peles para escribir.
Exemplos *
“Fomos deixando marchar os asistentes ó enterro, e unha vez que se asegurou de que estabamos sós, meteu a man no fondo peto interior da súa casaca negra de loito e amosoume o regalo do noso recordado cabaleiro. Semellaba un pergamiño coidadosamente enrolado. –Velaí a túa herdanza, Jim –dixo.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)
“Unha mañá, remexendo nun andel cheo de pergamiños, atopou un paquetiño poeirento atado cuns cordeis. Era un mazo de vellas postais de señoritas en coiros. Daquilo non deu conta ao arquiveiro.” (Paco Carro: Tempo ordinario (Historia de Compostela), 2014)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.