periscopio

Aparello óptico que por medio de lentes e prismas permite ver un obxecto que está fóra do campo visual do observador.

Etimoloxía

Chegounos desde o francés, pero procede da asociación dos elementos gregos peri 'ao redor' e scópeo 'mirar'.

Exemplos *

"…como os radares das películas de guerra… periscopio non, periscopio non tiña; os periscopios son para ver desde os submarinos." (Xavier Lorenzo Tomé: O paxaro que canta un nome)

"_Encóllete máis, dobra os xeonllos e deixa que che caia o corpo, que pareces un periscopio…" (Xurxo Borrazás: Costa Norte/ZFK)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.